Xosé Manuel Beiras realizará este verán unha xira coa súa banda de rock duro, Os Biosbardos. A veterana banda galega visitará toda a xeografía Galega, o Norte de Portugal, Brasil e Timor Leste. «Viaxaremos por toda a Gran Galiza, como debe ser», sinalou o egrexio político e economista. A formación liderada polo histórico dirixente nacionalista presentará os temas do seu último disco, Pepeus Malleficarum, composto por trece temas na súa liña de sempre: trash metal marxista leninista. Beiras, membro fundador da banda, declarou que este novo traballo aseméllase moito ó primeiro disco de Metallica «en canto á produción». No tocante ás letras «ten un contido anticapitalista máis marcado que os anteriores traballos», precisou o fundador e portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista.
Será unha boa ocasión para poder contemplar o coñecido «zapatazo» de Beiras, o broche de ouro co que Os Biosbardos pechan todos os seus concertos, cando o histriónico baterista golpea o seu instrumento co calzado, entrando en éxtase. «Sei que os nosos siareiros do Exército Zapatista agardan a que faga o meu número ó final dos concertos e non os vou defraudar, estaría faltando á verdade e non o vou facer de ningún xeito», sinalou Xosé Manuel Beiras. «Atópome moi ben, con moitas forzas e con ganas de hostiar uns cantos chupatintas, así que desfogo todo coa batería», indicou o tamén fundador do BNG. Ademais, Xosé Manuel Beiras foi recentemente nomeado o batería mellor vestido de alta costura pola revista especializada Batería Total.