Os idiomas están vivos, van cambiando segundo cambia o mundo… ou polo menos deberían facelo. Novos termos van nacendo cada día, moitos quedan incorporados irremediablemente á fala e pasan a ser aceptados de forma oficial. Porque unha lingua debe permitir que as persoas se comuniquen con maior fluidez, acorde aos tempos e non de forma artificial. Así é como, no caso do castelán, a Real Academia Española acaba de darlle o visto e prace a verbas como “bótox”, “cameo”, “dron”, “pilates” ou “precuela”. E a Fundación del Español Urgente nomeou “escrache” palabra do 2013. Esta aceptación de vocablos que se usan de forma masiva non é máis que adaptar o idioma á súa realidade social. Xa que, por moito que se empeñen os lingüistas, un falante en castelán vai dicir sempre “dron” en vez de “vehículo ou robot aéreo non tripulado”. É unha cuestión elemental, lóxica, de puro sentido común.
Non obstante, aos señores da Real Academia Galega (RAG) parece que lles importa máis ben pouco que o galego que alentan desde a súa máis egrexa institución sexa un idioma tan artificial como os peitos de Carmen de Mairena. Será que pensan que os galegofalantes nos expresamos como os trovadores do século XIII? Faríalles falta saír un pouco dos seus despachos e dar unha volta. E é que a máxima autoridade normativa do galego acaba de rexeitar unha proposta que reclamaba que “pulpo”, como toda a xente normal lle chama ao pulpo en Galicia, fose aceptada de forma oficial xunto ao termo polbo para referise ao ilustre cefalópodo. Pode parecer algo anecdótico… pero supón un erro monumental, unha mostra de que a RAG vive de costas á realidade e de que despreza o sentir maioritario dun pobo. Porque o pulpo, ademais de ser un dos pratos estrela da gastronomía galega, é case un dos símbolos por antonomasia de Galicia. Este estraño animal de tentáculos define a nosa idiosincrasia dunha forma brutal. E ninguén lle chama “polbo” excepto os presentadores do telexornal e algún reaccionario. E ao negar a cooficialidade de “pulpo” como palabra perfectamente válida para dar nome ao devandito cefalópodo, a RAG está rebaixando a categoría dos falantes que con ese termo nos referimos a esa criatura. E a esa ilustre institución non lle importa que sexamos maioría porque tampouco lle importa normalizar -pero de verdade- o galego. Acaso non é a súa función principal a “promoción da lingua e cultura galega”, como di a propia Academia? Entón que? Somos todos parvos ou que? Lendo os propios estatutos da entidade aínda se entende menos esta decisión:
“Tamén a situación da lingua galega mudou nestes case cen anos. O impresionante abandono do mundo rural, que durante mil anos fora o seu feudo, provocou a necesidade de facela igualmente fluída nas complexas estructuras da vida urbana. E nesta loita cultural os falantes teñen que facer fronte a vellas inercias, á moderna globalización e ó carácter unidirecccional dos medios de comunicación. Os problemas son novos e a situación moi distinta da que tiñan diante os fundadores da Academia. A estas novas demandas, que están vencelladas ó porvir da lingua, deben responder tamén os traballos da Academia”.
Pois de momento están respondendo de carallo, facendo que unha ampla maioría de galegos nos sintamos como falantes de segunda. “Saíulles a cocha capada”, como din na miña zona. A entidade que preside Xesús Alonso Montero fallou a prol da “escolla de polbo como forma normativa recomendable” porque está documentada desde a Idade Media. Ademais, rexeitou aceptar “pulpo debido a que é un préstamo directo do castelán. E que problema hai? Acaso non existen os préstamos entre linguas?. A Real Academia Galega deulle as costas á realidad unha vez máis,como cando aprobou iso de “grazas”, unha palabra inventada que, de novo, só se usa na Televisión de Galicia.
Dá a impresión de que, de novo, estamos ante unha decisión meramente política. Porque quen realizou esta petición foi Argimiro Marnotes, o alcalde do Carballiño, do PP. Ben sabe Deus que non comparto en absoluto a liña ¿ideolóxica? dos populares, cuxa aportación máis destacada á historia de España foi implantar a moda de levar os xerseis sobre os ombros. Pero iso non quita para que, neste caso, defenda absolutamente a petición do rexedor dese concello ourensán, famoso no mundo enteiro pola súa Festa do Pulpo, que este ano celebrará a súa edición número 52. Porque é de sentido común que pulpo sexa aceptado pola RAG. Marnotes apoia a súa petición nun informe do Centro de Estudos Carballiñeses segundo o cal a voz “pulpo” chegou antes a Galicia que o normativo e irrisorio “polbo”. Os textos históricos certifican que no século XII se emprega en Galicia “pulpo”, mentres que a aparición do termo oficial “polbo” non está documentada ata o XV.
En todo caso, se un día me teño que referir en galego normativo á “Polbeira de Melide” deixarei de falar en galego. E punto.
Rodrigo Cucufate.
Mi abuelo tiene casi 90 años y en la puta vida dijo pulpo y tantas otras palabras inventadas por estos señores de Madrid de la Rag